Sergio Pena

Entradas populares

Vistas de página en total

viernes, 16 de enero de 2009

"18.1" Recapacitar sobre a noción de xénero


A continuación deixovos a crítica que fixo Manuel Ayán, do cineclube "Nosferatu" de Verín (Ourense), sobre a curtametraxe "18.1"

"18.1" Recapacitar sobre a noción de xénero

Unha das singularidades que caracteriza ao máis inquedo cine moderno é a súa falta de definición xenérica. As máis radicais obras do arxentino Lisandro Alonso, do taiwanés Tsai-Ming-Liang ou do catalán Albert Serra transitan por terreos onde a pertenencia xenérica está totalmente difuminada: nocións como drama, comedia, realismo ou estilización fantástica non existen pola liberdade dos códigos utilizados e pola consciencia de que tales estilemas obedecen a unha codificación un tanto obsoleta e reduccionista. Por esto mesmo, "18.1" de Gutier Rolán, é un traballo que resulta para o espectador difícil de etiquetar como obra de xénero, dado que a súa estrutura (debedora, iso si, dunha fórmula tan clásica como o plantexamento-nudo-desenlace) entra nunha especie de inversión dos códigos establecidos. Se, por exemplo, nas películas fantásticas, o terror parte dun tratamento realista para desembocar na violentación desa mesma realidade, en "18.1" o efecto é totalmente o contrario: asistimos en gran parte da película a unha estilización do fantástico máis convulso para rematar nunha coda final de estrito realismo fácilmente recoñecible, realismo que crea inquedanza, si, pero realismo ó fin e ó cabo.

"18.1" tamén funciona noutro tipo de inversión do seu discurso: o espazo en "off", ou sexa, o senso que cobra aquelo que non vemos, que está latente no exterior determinando ou inducindo unha acción interior. O feito de que o espectador non teña uns referentes externos que posibiliten unha articulación da historia narrada, crea unha suspensión do seu punto de vista: os personaxes si son conscientes do que ocorre, pero para o espectador o discurrir da historia vai nunha oblicua percepción do que aqueles contemplan. A este respecto é significativa a frase que di un dos personaxes: "están a rebuscar nos cubos do lixo". Unha inversión, pois, de dobre senso: a espacial en "off" e a demostrada na comprensión do espectador con respecto ós comentarios dos personaxes.

Sinalar, asimesmo, o protagonismo que dentro da unidade temporal e espacial da película ten esa casa como elemento aglutinador da ficción e que retrotrae a iconos fantasmagóricos tan mitificados no cine como o Maderley hitchcockiano ou o Marienbaud resnaisiano. O seu aspecto señorial é un escenario capacitado para envolver ós seus inquilinos de certa claustrofobia gótica, onde, ademais, as luces filtradas a través das cotinas e o forte resplandor lumínico da porta principal obra metafóricamente como un falso reducto liberador.

Para rematar, decir que ante esta buscada (e conseguida) ambivalencia de "18.1" só queda o papel atribuído ó espectador: ser partícipe do senso que ten a película a través do seu criterio subxectivo e chegar á conclusión de se nos atopamos ante unha obra de clara filiación xenérica.

No hay comentarios: